Sunday 19 de May de 2024

O Concello aproba a concesión dos premios de Santa Lucía e activa a contratación do proxecto


Adxudicadas as obras de reurbanización das Casas de Franco, no Ventorrillo, por 460.000 euros

O Concello celebrou esta mañá unha sesión ordinaria da Xuntade Goberno Local na que se aprobou o outorgamento dos premios correspondentes aos estudos de arquitectura gañadores do concurso de ideas para levar a cabo o proxecto de rehabilitación do mercado e a creación dun centro de saúde en Santa Lucía.

“Hoxe damos un paso máis para acadar ese necesario e esperado novo mercado e centro de saúde de Santa Lucía, recoñecendo o traballo levado a cabo polas distintas firmas que se presentaron a este concurso”, explicou a alcaldesa, Inés Rey. Deste xeito, a Burgos & Garrido Arquitectos foille concedido o primeiro premio, cun valor de 20.000 euros. O segundo premio recaeu na UTE Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, por un total de 15.000 euros (7.500 euros para cada unha das empresas que conforman a Unión Temporal de Empresas).

Tamén se outorgaron dous accésits, un á UTE Manuel Vázquez Muíño e OLA Arquitectura e outro á UTE Fernández Carballada e Asociados e Nula Studio, cun premio de 5.000 euros a cada unha (2.500 euros para cada empresa que conforma a Unión Temporal de Empresas).

Por outra banda, encoméndase ao servizo de Contratación a tramitación do expediente de contratación coa licitadora Burgos & Garrido Arquitectos para levar a cabo a redacción do proxecto de rehabilitación do mercado de Santa Lucía como estudo gañador do concurso de ideas, que asumirá tamén a dirección da obra, segundo explicou Inés Rey.

Adxudicada a reurbanización das Casas de Franco, no Ventorrillo
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de reurbanización do espazo público situado no ámbito da área de rehabilitación e rexeneración urbana (ARRU) do Ventorrillo, nas Casas de Franco. Os traballos foron encomendados á empresa Prace Servizos e Obras. O orzamento da intervención é de 460.000 euros e as obras deberán estar executadas nun prazo de cinco meses desde o seu inicio.

As Casas de Franco son un sector de algo máis dúas hectáreas composto por máis de 570 vivendas sociais situadas entre a rolda de Outeiro e as rúas Monasterio de Bergondo, Monasterio de Toxos Outos e Monasterio de Caaveiro. “Esta intervención estará centrada en mellorar os espazos públicos fronte aos accesos ás vivendas, reparar tamén as deficiencias detectadas no pavimento, aumentar a superficie destinada aos peóns e incrementar as áreas verdes”, sinalou Inés Rey.

Outros asuntos

A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá tamén aprobou a adxudicación da concesión de dous postos exteriores no mercado municipal de San Agustín. Os locais estarán destinados a un taller de roupa e confección cun canon mensual fixo de 154,75 euros. O prazo de duración da concesión será de 15 anos, prorrogables por 10 anos máis ata un máximo de 25 anos. Con esta adxudicación son 12 os locais ocupados no exterior de San Agustín. “Coa adxudicación dos locais exteriores do mercado completamos a súa revitalización, dotando de actividade os espazos baleiros tras completar as obras de reurbanización da contorna”, sinalou Rey.

Por outra banda, tamén foi aprobado o expediente de contratación de novos fondos bibliográficos e audiovisuais para a rede municipal de bibliotecas da Coruña. Os nove equipamentos municipais que conforman a rede recibirán oito lotes de material por un importe total de 280.000 euros.

Os lotes contratados suporán a adquisición centralizada de fondos bibliográficos para o Servizo Municipal de Bibliotecas, a adquisición de libros infantís, xuvenís e para adultos para as bibliotecas da Sagrada Familia, Os Rosales, Ágora, Fórum, Castrillón, Monte Alto, Durán Loriga e para o punto de préstamo de Novo Mesoiro; e a adquisición centralizada de fondos audiovisuais.

Hoxe tamén se aprobou definitivamente a listaxe das 30 rapazas e rapaces de primeiro de Bacharelato que durante o verán poderán gozar de catro semanas de estancia en Irlanda e Francia para o perfeccionamento dos respectivos idiomas grazas ao programa Idiomas do Mundo. Proximamente publicarase na web do Concello a listaxe e as familias terán cinco días de prazo para comunicar ao Concello a aceptación da praza.

Tamén se deu conta na XGL de dúas sentenzas que referendan a actuación do Concello nas medidas tomadas a cabo en dous establecementos de ocio nocturno por incumprir a normativa, e que “respaldan as actuacións que está a levar a cabo este Goberno para facer compatible o lecer nocturno co dereito ao descanso”, tal e como sinalou Inés Rey. Un dos locais recibiu unha sanción de 15.000 euros e o peche temporal, e o segundo, 12.000 eurosde multa por incumplir a normativa de ruídos.